A illa-barco abandonada á súa sorte

O viral de internet da semana foi o barco á deriva infestado de ratas caníbales que se dirixía a Reino Unido; pero de popularizarse a historia de Hashima, o balbordo sería se cabe maior.

Hashima (端島), coñecida tamén como Gunkanjima (軍艦島), literalmente “a illa – barco de guerra”, mide 480 m. de lonxitude, e está construída case enteiramente de formigón. Leva dende o ano 1974 abandonada a apenas 15 km. de Nagasaki. Entón, por qué ninguén se preocupa como fixeron os tabloides ingleses co Lyubov Orlova? Pois porque, a pesar do seu aspecto, Hashima é unha illa, e nada a vai mover do sitio.

Panorámica aérea de Hashima

Como chegou Hashima a ter un aspecto tan artificial? Pola minería.  No ano 1887 chegaron os primeiros habitantes á illa, tras descubrirse nela unha importante veta de carbón. Eran pioneros enfrontándose a vivir nunha roca sen ningún tipo de vexetación nin fonte de auga, dependentes por completo do exterior.

No 1890, Mitsubishi mercou a illa e as cousas empezaron a descontrolarse. Construíron un dique rompeolas ao redor de todo o perímetro da illa, e os primeiros grandes edificios de formigón de todo Xapón. Ao redor de 1930 a illa tiña este aspecto:

Hashima en 1930

Durante a Segunda Guerra Mundial foi un obxectivo prioritario para o goberno nipón manter a mina funcionando para abastecer as necesidades de carbón, polo que se chegou a empregar man de obra esclava na mina. Trala guerra mundial, co obxectivo de alimentar a recuperación económica do país, e sobre todo durante a Guerra de Corea, a mina tivo o seu maior crecemento.

Así, en 1959 chégase ao pico de poboación na illa: 5.259 persoas. Tendo en conta que das pouco máis de 6 Ha. de superficie da illa a mina xa ocupaba 2,5 para a súa actividade, temos que na zona habitada chegou a darse unha densidade de poboación de 139.000 Hab/Km2, unha das maiores xamáis rexistradas no planeta.

Habitantes de Hashima nos 60.

Habitantes de Hashima volvendo do mercado, anos 60.

Nos 60, comezouse a traer terra e a plantar as primeiras plantas da illa, creando hortos nas azoteas dos edificios. Ese feito, unido á canalización de auga potable traída desde “terra firme” efectuada na segunda metade da anterior década empezou a facer á illa menos dependente dos barcos que a abastecían. Trouxéronse cociñas, frigoríficos e neveras, e a calidade de vida dos habitantes aumentou. Mitsubishi proporcionaba unha taxa de emprego do 100%, vivenda, auga e electricidade gratuitas a toda a poboación. Foron os anos dourados de Hashima.

Mapa de Hashima nos 60

Mapa de Hashima no seu apoxeo, anos 60.

Pero toda a actividade da illa dependía do carbón, e a finais dos 60 e principios dos 70 empezou a deixar de ser rendíbel a súa explotación, entre outros factores pola popularización no uso do petróleo como combustible en todos os ámbitos industriais. Non houbo ningún interese en reconvertir a industria local por parte da Mitsubishi (recordemos, empresa propietaria da illa). O 15 de xaneiro de 1974, tras anos de reducción de persoal e traslados a outras instalacións da empresa, anunciouse o peche definitivo da mina. En tan só 4 meses, a illa quedou deserta.

Os traballadores da mina foron na súa maioría reubicados noutras instalacións da Mitsubishi, e os mestres de escola, médicos, donos de tendas e pubs, etc. perdían de repente a todos os seus nenos, pacientes e clientes, polo que tamén se viron obligados a marchar. O 20 de abril de 1974 saía o ferry cos últimos habitantes da illa nel.

Os nenos do colexio formando as palabras "Sayonara Hashima" en 1974.

Os nenos do colexio formando as palabras “Sayonara Hashima” en 1974.

Abandonada totalmente á súa sorte, os edificios da illa fóronse deteriorando pola falta de mantemento. A dificultade no acceso preservou os mobles e electrodomésticos que quedaran atrás (tamén eran propiedade da Mitsubishi), polo que co paso do tempo empezou a xerar interese turístico por parte de curiosos que vian a illa como unha burbulla da sociedade nipona dos 60. No 2002, a Mitsubishi transferiu voluntariamente Hashima ao concello de Takashima, que logo foi absorbido no 2005 polo e Nagasaki. No 2009, unha pequena parte da illa foi reaberta ao turismo.

Turista en Hashima. Fonte: gakuran.com

Turista en Hashima. Fonte: gakuran.com

A illa apareceu en documentais como Life After People, serviu como inspiración para a guarida do inimigo de James Bond en Skyfall, e como escenario de multitude de reportaxes fotográficos sobre ruinas e edificios e pobos abandonados. En 2013, Google mandou a un empregado á illa cunha mochila-camara para habilitar unha visita virtual á illa en Street View. O resultado podedes velo en Google Maps.

Ferry saíndo de Hashima

Ferry saíndo de Hashima

Podedes reflexionar sobre o desenvolvemento sostíbel con este pequeno lugar do mundo como exemplo. E agora que sabedes onde está, non dubidedes en visitar Hashima sempre que queirades: ninguén vos espera. Como reza unha pintada alí: “a vida nunca volverá a esta illa”.

Máis información e fotos:
· Hashima: The Ghost Island. Cabinet Magazine.
· Gunkanjima, la isla abandonada de Hashima. Compendium Magazine.
· Battleship Island – Japan’s rotting metropolis. Vice.
· Hashima Island. Wikipedia.
· Gunkanjima:Ruins of a Forbidden Land. Gakuranman.
· Gunkanjima Island. Atlas Obscura.
· The ghost island of Hashima, Nagasaki Prefecture, Japan. Artificial Owl.
· Hashima, the ghost island of Japan. Deserted Places.
· Hashima Island. Enter the forgotten world. Bryan James.

Banda sonora do post: Deserted Island, de Naoki Iwane

3 comments

  1. A guarida de Bardem en Skyfall é esa illa, entonces?
    É curioso porque Bardem contaba unha historia de cómo matar un montón de ratas: enterrar un barril metálico no chan de modo que a boca quede a ras de suelo, botarrlle comida dentro ás ratas para que se tiren ó interior e despois non poderán saír e solo hai que esperar a que se coman entre elas, e a última supervivinte, a reina das ratas, morrerá de fame.
    Ratas caníbales.

    1. Baseada en Hashima, pero rodouse en estudio en Los Angeles. Que se mencionen na peli as ratas caníbales fai que o post sexa redondo, excelente!
      P.D: Non vin Skyfall.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s