A “vergoña” xeográfica

A vergoña.

A vergoña. Fotografía de Feans.

Como non fai falta que vos explique, na nosa cultura consideramos unha mostra de cortesía renunciar a coller a última porción dunha comida compartida, que se queda na fonte e se coñece como “a vergoña”. Sen embargo, desde un punto de vista xeopolítico, os distintos estados nunca se mostran tan remilgados, e repártense todo o territorio con ambición, collendo para si todo canto poden, o que deu lugar a un sinnúmero de conflictos fronteirizos que históricamente se resolveron sempre polo método de ver quen a ten máis grande (a forza armada).

Nembargantes, existe unha zona do planeta que é rexeitada sistemáticamente polos dous países que poderían ter dereito a ela; un territorio en disputa, pero no cal ambos contendentes admiten abertamente que é o outro quen ten os lexítimos dereitos de propiedade sobre esa terra. A única “terra nullius” do século XXI, se exceptuamos aquelas do continente antártico, está entre Exipto e Sudán, e chámase Bir Tawil.

A orixe deste conflicto, como de tantos outros do continente africano, está na época colonial. Logo da apertura do canal de Suez, Exipto e Sudán comezaron a atraer a atención das superpotencias europeas, e Exipto caeu baixo a influencia británica. Logo de que Tewfik Pasha pedira axuda estranxeira para sofocar a Revolta de Urabi, o exército británico invadiu Exipto, o que comezou unha ocupación que duraría ata os anos 50, en forma de protectorado e sen unha administración británica directa.

Anglo-egyptian_war

Guerra anglo-exipcia.

Sudán, que estaba previamente en poder dos exipcios, levantouse liderado polo Mahdi Muhammad ibn Abdalla en contra da ocupación británica, ata que unha campaña militar conxunta dos exércitos británico e exipcio silenciou a revolta. Nese momento, os británicos esixiron unha presencia máis directa na zona da que tiñan en Exipto, e en 1899 chegouse a un entendemento polo cal se compartía a soberanía nun condominio exipcio-británico que continuaría ata a independencia do país no 1956. Realmente o acordo convertía a Sudán nunha colonia de facto do Imperio Británico, sen poder real por parte de Exipto.

No contrato entre o Reino Unido e Exipto formalizábase a fronteira de Exipto e o condominio sudanés no paralelo 22, seguindo unha liña recta de máis de 1.000 km a través do deserto. En 1902, e presionados polos británicos, Exipto cede ao Sudán ocupado o control do Triángulo de Hala’ib, un territorio de 20.000 km2 na costa do Mar Vermello. A razón da cesión baseábase en que na zona se repartían unha serie de pozos empregados polos nómadas sudaneses da tribo Bisharin.

Ababda

Beduino no deserto do sur de Exipto.

No mapa no que se trazou esa fronteira administrativa de 1902 decidiuse colocar o territorio de Bir Tawil, un trapecio de 2.000 km2, do lado exipcio, sendo o único territorio exipcio ao sur da fronteira de 1899. O territorio é un trozo de deserto sen ningún asentamento permanente, terra cultivable, e nin sequera un pozo de auga (o nome Bir Tawil significa “pozo alto”, pero ninguén sabe onde estaba ese pozo, e agora non hai rastro del). Os únicos que se aventuraban na zona eran os beduinos nómadas da tribo Ababda.

bir tawil

Bir Tawil.

Cando Sudán acada a independencia en 1956, faise co control do Triángulo de Hala’ib, pero Exipto négase a recoñecelo, esixindo a volta á fronteira de 1899. No 1958, cando Sudán se propoñía celebrar eleccións en Hala’ib, o presidente Nasser movilizou ao exército exipcio á zona, inda que se retirou en menos dun mes. O control da zona mantívose ata finais s. XX en mans de Sudán, xa que a poboación da zona é cultural e étnicamente sudanesa, pero Exipto nunca renunciou ás súas reclamacións.

En 1992, Sudán concedeu dereitos de explotación marítimos en Hala’ib a unha empresa petrolífera canadiense, o que reavivou o interese exipcio, e fixo que os canadienses se retiraran ata que a cuestión da soberanía quedase zanxada. Tras unha serie de negociacións, no ano 2000 o exército sudanés retirouse da zona, cedendo o control efectivo a Exipto. No 2004 descubríronse reservas de petróleo na zona, e o presidente sudanés Omar al-Bashir reclamou novamente a soberanía, inda que o exército exipcio mantén a zona ocupada.

temp

Así as cousas, co interese de ambos países centrado en Hala’ib, temos a Bir Tawil abandonado por todos, xa que a reclamación do primeiro obriga á renuncia do segundo, segundo o acordo fronteirizo que esgrima cada país. Esto convirte a Bir Tawil na terra menos desexada do planeta. Acordádevos dela se algún día decidides montarvos o voso propio Estado.

 

Para saber máis:
· La tierra que nadie quiere. Fronteras.
· The most unwanted territory. Teckler.
· No man’s land. Now I Know.
· Bir Tawil Triangle. Google Sightseeing
· International Boundary Study No. 18 – Sudan-Egypt Boundary. Department of State. US of America.

 

Banda sonora do post: The Unwanted – Music from the Atlantic Fringe.
Bonustrack: Anthem for the Unwanted – New Found Glory

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s