Month: Outubro 2014

Arredor do cambio de hora

GauDaliRelojBla2

Antes de nada, comprobade que os vosos reloxos estén pola hora nova. Xa estamos na mesma franxa horaria? Ok, podemos seguir.

Examinemos agora a introducción que vos acabo de facer, e dicídeme se vedes algún erro ou localismo, algo que non necesariamente se aplique a todo o mundo. Non son difíciles de ver, están resaltados.

En primeiro lugar, a expresión hora nova refírese ao cambio horario que se produce nunha serie de países entre horario de verán e horario estándar. E por outra parte, ao falar de franxa horaria, salvo que sexamos censores de televisión, normalmente referímonos ao fuso horario, a cada unha das 24 partes nas que se divide o globo terráqueo, centradas en meridianos de lonxitude múltiplo de 15º, e nas cales, teóricamente, se sincronizan os reloxos á mesma hora.

Analicemos a orixe e algunhas curiosidades de ambos conceptos.

O horario de verán naceu para gañar unha hora de luz vespertina nos meses de verán, adiantando o reloxo. Deste xeito, nos meses cos días máis longos do ano conséguese manter a hora do amencer dentro do marco horario habitual no que comeza a actividade, e aprovéitase máis a luz solar ao longo do día. De non cambiarse a hora, argumentan os defensores da idea, a maioría da sociedade perdería esa hora de luz solar durmindo.

Horas de luz en Bilbao no ano 2009, apreciando o efecto do cambio a horario de verán.

Horas de luz en Bilbao no ano 2009, apreciando o efecto do cambio a horario de verán.

Proposto por primeira vez polo entomólogo neozelandés George Vernon Hudson, e tendo como principal promotor ao británico William Willet, o horario de verán foi adoptado por primeira vez polas Mittelmächte na I Guerra Mundial o 30 de abril de 1916 como medida de aforro de carbón. O Reino Unido e os seus aliados europeos, así como outros países europeos neutrais, mimetizaron a medida, Rusia adoptouna na primavera seguinte, e USA no 1918.

Logo da guerra, abandonaron a medida todos os países agás Francia, Canadá, o Reino Unido e Irlanda. Na Segunda Guerra Mundial volveuse a adoptar temporalmente nunha serie de países, e foise impoñendo ou abandonando en moitos outros lugares ao longo das seguintes décadas. Un caso curioso foi o de Checoslovaquia, que no 1946 retrasou o seu reloxo respecto ao seu horario estándar entre decembro e o vindeiro febreiro, sendo o único caso de aplicación na historia dun horario de inverno.

A popularización nos países occidentais da medida tivo lugar coa crise enerxética dos anos 70, proposta tamén baixo criterios de aforro, inda que a medida non está exenta de polémica desde o punto de vista económico, polo que dende entón houbo moitos cambios na súa aplicación e abandonos, ata chegar á situación actual.

En cor azul, países que adoptan horario de verán no hemisferio norte; en laranxa, no sur; e en gris, os países que xa non o adoptan.

En cor azul, países que adoptan horario de verán no hemisferio norte; en laranxa, no sur; e en gris, os países que non o adoptan.

Danse casos curiosos nos países federais de gran superficie, xa que algunhas zonas do seu territorio poden decidir manter o uso de horario de verán e outras abandonalo, dando lugar a diverxencias horarias dentro dos habitantes dun mesmo país.

Así, en Canadá non observan o horario de verán a provincia de Saskatchewan, dous distritos da Columbia Británica, a illa de Southampton ou o pobo de Lloydminister. En México, Sonora non cambia a hora. En Brasil, das 5 macrorrexións do país, só empregan horario de verán na rexión Sul, Sudeste, e Centro-Oeste, quedando sen cambios horarios a Norte e Nordeste (no Nordeste, sen embargo, o Estado de Bahía si decidiu aplicar o horario de verán).

En Australia, os diferentes estados non só deciden cando se cambian ou non a hora, senón tamén cando a cambian, e canto adiantan ou retrasan o reloxo (por exemplo, en Lord Howe só teñen 30 minutos de diferencia dun horario a outro). Deste xeito, os aussies pasan de ter 3 zonas horarias estándar a, no horario de verán, ter 5. Ou 6, se preguntas en Eucla, inda que a hora destes últimos non chega a ser considerada oficiail (tampouco é que lles importe moito aos euclanos).

15 minutes to midnight in Eucla.

15 minutes to midnight in Eucla.

Máis curioso, xeográficamente (que é do que se trata, tendo en conta o nome e temática deste o voso blog) é o conto en Arizona. Este estado é o único dentro de USA que non aplica o cambio de hora no verán. Sen embargo, dentro do estado hai unha reserva india, a dos Navajo, que se extende por 3 estados dos catro de Four Corners, e que si realiza cambio horario. Ollo, non rematamos aquí, sigamos descendendo: dentro da zona arizoniana da reserva navaja hai un enclave formado pola reserva dos Hopi, quenes, como os Navajo, teñen recoñecidas certas autonomías no seu territorio, entre elas escoller a hora. E ao estar dentro de Arizona, ao igual que o estado decidiron non adoptar horario de verán. Dentro do enclave hopi, para reatar de liala, temos un contraenclave dos Navajo, que si cambia a hora..

Navajo Nation. O territorio en cor laranxa, así como os estados de Utah, Colorado e New Mexico, cambia a hora. O resto do mapa en verde, non.

Navajo Nation. O territorio en laranxa, así como Utah, Colorado e New Mexico, cambia a hora. O resto do mapa en verde, non.

Retomemos agora o tema dos fusos horarios, que deixamos aparcado. Decíamos que son zonas teóricas nas que se divide o planeta e nas cales se agrupan as horas, pero, como surxiron, e por qué?

Durante a inmensa maioría da historia da humanidade, non se necesitaron horarios precisos e sincronizados entre as diferentes cidades e rexións, e a xente rexíase pola hora solar aparente, a que daría un reloxo de sol, e que varía segundo a localización. Desde a antiga Babilonia os astrónomos xa coñecían a existencia dunha variación na duración do periodo de tempo entre dous mediodías consecutivos ao longo do ano, que moito tempo despois (gracias, Kepler) soupemos que era debida á oblicuidade da eclíptica e á excentricidade da órbita da Terra arredor do Sol.

Nos séculos XVIII e XIX, coa popularización dos reloxos mecánicos, fíxose evidente a diferencia entre a hora marcada por ambos métodos: o efecto acumulado das variacións da duración do día solar produce variacións estacionais de ata 16 minutos entre o mediodía solar aparente e o que marcaría un reloxo de periodo constante. Comezouse a falar entón do tempo solar medio, no cal as diferencias estacionais se compensasen. Durante un tempo conviviron ambos tempos, podendo convertir entre ambos tempos seguindo a Ecuación do Tempo. Mesmo se chegaron a fabricar complexos mecanismos que variaban a duración de cada día seguindo esta ecuación, o que conseguía que o trebello mecánico dese a hora solar aparente.

Diferencias entre o mediodía solar aparente e o mediodía solar medio, na representación gráfica da Ecuación do Tempo

Diferencias entre mediodía solar aparente e medio, na representación gráfica da Ecuación do Tempo.

Co tempo, impúxose o uso da hora solar media respecto da aparente, e cada cidade fixaba a súa propia hora solar media, o que daba diferencias aproximadas de 4 minutos por cada grado de lonxitude. Así, cando en Bristol era mediodía, eran as 12 e 10 en Londres. Esto volveuse máis e máis estraño rápidamente segundo se extendía o uso do novísimo método de locomoción do século XIX, o tren. Por unha cuestión de practicidade, foron as compañías ferroviarias as que adoptaron unha hora común deslocalizada para programar todas as súas operacións. A primeira en facelo foi a Great Western Railway, en novembro de 1840, sendo enxeñeiro xefe Isambard Kingdom Brunel.

O Railway Time popularizouse rápidamente, e nos anos 1850 a meirande parte dos reloxos públicos británicos xa usaban a hora de Greenwich, localidade londinense onde se atopa o Royal Observatory, o cal comezou a retransmitir sinais horarios por telégrafo o 23 de agosto do 1852. Sen embargo, o uso da hora de Greenwich para todo Gran Bretaña non se oficializou ata o 1880, convivindo horas locais e horas estandarizadas.

Reloxo en Bristol, con dúas agullas para os minutos (hora local vs. Railway Time).

Reloxo en Bristol, con dúas agullas para os minutos (hora local vs. Railway Time).

O primeiro goberno en oficializar unha hora para todo o seu territorio foi o da, por aquel entón, colonia británica de Nova Zelanda. Foi o 2 de novembro de 1868. Adoptando un tempo 11 horas e 30 minutos por diante do de Greenwich, converteuse na primeira zona horaria recoñecida.

Nos Estados Unidos, U.S. and Canadian Railroads foron os primeiros en implementar un sistema con múltiples zonas horarias, o 18 de novembro de 1883, The Day of Two Noons. Tratábase de 5 zonas horarias, chamadas Intercolonial, Eastern, Central, Mountain e Pacific, cuxas fronteiras se definían en estacións de tren de cidades importantes.

O primeiro en propoñer que todo o planeta se organizase en fusos horarios foi o canadiense-escocés Sir Sandford Fleming en 1879. No 1884 celebrouse a International Meridian Conference,  na cal se escolleu o meridiano de Greenwich como primer meridiano, estándar internacional para a lonxitude 0º, así como estándar de tempo común en todo o mundo, Greenwich Meridian Time (GMT). Por primeira vez se fixou unha única referencia de tempo para todo o planeta, en lugar de referenciarse cada país a observatorios propios, o que daría diferencias horarias pouco exactas. As horas estándar de cada territorio serían expresadas co desfase pertinente respecto á GMT. Sen embargo, pasou moito tempo ata que os países adaptaron os seus horarios á hora estándar GMT. O último país foi Nepal, no 1986, abandonando o tempo medio de Kathmandú (+5:41:16) por un estándar redondo o máis aproximado posible á súa hora solar media (+5:45).

Fusos horarios e zonas horarias do planeta.

Fusos horarios e zonas horarias do planeta (click para ampliar).

En canto á Liña Internacional de Cambio de Data, a cal separa as zonas horarias de diferencia positiva coa GMT das de diferencia negativa, tan só existe un consenso internacional acerca do seu trazado en termos de navegación marítima, en augas internacionais, dado que se fai coincidir as fronteiras entre zonas de distinto tempo estándar local cos meridianos. Dado que internacionalmente está recoñecido o dereito de cada país a fixar a súa propia hora local, a Liña de Cambio de Data que se debuxa nos mapas varía en función das decisións políticas dos gobernos da zona próxima ao meridiano 180º.

De feito, todo o concepto de Liña de Cambio de Data existe desde antes de estandarizarse as zonas horarias a GMT, mesmo é anterior ao uso de zonas horarias, cando a hora era estrictamente local. E entre os moitos casos de países que decidiron saltarse días, destaca o caso das Filipinas. Cando eran colonia española, os seus intereses comerciais estaban principalmente en México, polo que se definía a fecha local como se estivesen ao leste da liña de cambio de data. Trala independencia dos mexicanos no 1821, os intereses comerciais das illas viraron cara os seus veciños chineses e neerlandeses (colonia das indias orientais). E polo tanto, decidiron saltarse o 31 de decembro de 1844, e pasarse ao lado oeste da liña. Pero o realmente curioso foi que a meirande parte de occidente non se decatou do cambio, provocando que os mapas do mundo dos seguintes 50 anos continuasen dándolle á liña internacional de cmabio de data unha abultada curva a esquerdas.

Liña internacional de cambio de fecha nunha publicación de 1888.

Liña internacional de cambio de fecha nunha publicación de 1888, cunha Alaska xa na mesma data que USA, e coas Filipinas erradas.

Pero olvidemos por un momento as consideracións xeográficas do calendario e volvamos a discutir as do cronómetro. En 1955 inventouse o reloxo atómico de cesio, e con el, a forma máis precisa de medir o tempo que coñecemos. Comezáronse de seguido a traballar na súa calibración precisa para obter estándares de tempo baseados nel, e no 1958 publicouse a relación entre a frecuencia de radiación da transición do cesio-131 co segundo de efemérides, a unidade de tempo estándar ata entón, baseada en cálculos astronómicos (1/31.556.925,9747 do ano tropical). Esta relación serviu para que o Bureau International des Poids et Mesures  redefinise en 1967 a unidade estándar de tempo, o segundo, dun xeito totalmente independiente de observacións astronómicas.

En 1960, o U.S. Naval Observatory, o Royal Greenwich Observatory e o UK National Physical Laboratory decidiron poñer en común os seus traballos na procura de medicións cada vez máis precisas do tempo; nacía así o Coordinated Universal Time (UTC), que pronto se convertiu no novo estándar, inda que moitos gobernos siguen coa súa hora oficial vinculada á hora de Greenwich (entre eles, o británico).

Coas novas ferramentas de medición, puidose observar unha variabilidade nos periodos de tempo de rotación da Terra e da traslación ao redor do sol, o que provoca diferencias entre a duración do día solar medio respecto do seu valor teórico de 86400. Para que o novo e estable estándar de tempo en UTC non se desfase dos estándares baseados no sol, experimentouse con saltos de milisegundos cada certa frecuencia, con resultados pouco satisfactorios.

Variacións observadas na lonxitude do día.

Finalmente, decidiuse establecer un sistema de segundos intercalares, polo cal se engade ou substrae un segundo a un día sinalado, evitando que a diferencia entre UTC e GMT sobrepase nunca os 0,9s. Si, hai unha malvada organización internacional dedicada a roubar ou engadir tempo ás vosas vidas impunemente, incluso co beneplácito da comunidade científica. O IERS monitoriza a rotación da Terra e anuncia con seis meses de antelación cando se vai engadir ou sustraer un segundo intercalar, e desde o 1972 que se implementou o sistema xa leva engadido 25 segundos ao cómputo oficial do tempo, o último, ás 23:59:60 do 30 de xuño do 2012.

Esto débese á variabilidade dos fenómenos cosmicos que rexiron a concepción humana do tempo ao longo da historia, o que fai que na actualidade as medidas de tempo tradicionais quedasen obsoletas no uso da comunidade científica. De feito, o Sistema Internacional non considera oficiais máis unidade de tempo que o segundo e os seus submúltiplos, agora que está definido de forma externa ao movemento relativo dos astros. Tolera o uso, como medidas non oficiais, do minuto, a hora e o día, sempre definidos como múltiplos exactos dos segundos SI (a rotación da Terra e a posición do sol xa non é o estándar do día).

Agora ben, os minutos, horas e días non poden ser medidas oficiais do Sistema Internacional, xa que non son mútiplos en base 10 do segundo. Pero, como se chegou ás unidades de uso actual? Por qué un día ten 24 horas, e cada hora 60 minutos e 3600 segundos? Por qué non días de 10 horas, ou de 100? O día ten unha observación da natureza como trasfondo, o tempo entre dous mediodías consecutivos; pero a hora non é máis que unha convención. Como se fixo tan común o uso dunha base non decimal?

Xenios incomprendidos, os revolucionarios franceses...

Xenios incomprendidos, os revolucionarios franceses

A clave está nas primeiras civilizacións (Sumeria, India, China, Exipto), que organizaban o tempo dividindo as horas de sol de cada día en 12 partes iguais. Empregaban así unha base duodecimal, que facía referencia aos 12 ciclos lunares que se dan entre unha primavera e a seguinte. Intentábase impoñer así ao día unha periodicidade semellante á que se observaba ao longo do ano natural.

Romanos, gregos, xudeus, e a maioría das culturas da antigüidade por todo o globo seguiron con esta concepción da hora como 1/12 do tempo entre amencer e anoitecer, sendo polo tanto unha medida que variaba ao longo do ano. Considérase que o grego Andrónico de Cirro foi o primeiro que dividiu o tempo nocturno en outras doce horas imitando as do día, construindo para tal feito a Torre dos Ventos, na que ademáis dos ventos, medía o tempo con reloxos de sol e cunha clépsidra de auga.  Estas 24 horas, sumando as 12 de día e 12 de noite, foron as que chegaron ata os nosos días, primeiro sendo periodos variables ao longo do ano, e finalmente coa adopción da hora solar media, fixando a súa duración.

En canto á división das horas en minutos e segundos, submúltiplos en base 60, esto débese aos babilonios. As súas matemáticas empregaban a base 60, pois é o número máis pequeno que é divisible por 1, 2, 3, 4, 5, e 6, o que simplificaba moito o traballo con fraccións. Herdeiros dos babilonios, os astrónomos e xeómetras gregos mantiveron a base 60 para as súas observacións astronómicas. Eratóstenes dividiu un círculo en 60 partes ordenadas, minutos, e baseouse nel para idear un sistema xeográfico de latitude. Logo Hiparco modificou o seu sistema para dividir a circunferencia en 360 grados, 6 veces 60. Así, dividindo cada un dos lados dun hexágono inscrito nunha circunferencia en 60 partes, podía lograr reproducir facilmente a súa división da circunferencia, o que levou a que se adoptara como convención para a medida de ángulos o grado sexagesimal. (Nota: hoxe en día, no SI os ángulos mídense en radiáns).

Hexágono inscrito nunha circunferencia.

Hexágono inscrito nunha circunferencia.

Así, seguindo coa costumbre da antiguidade, cando os reloxos mecánicos se popularizaron, mantívose a base 60 para dividir a hora, surxindo os minutos e segundos como medida temporal, fraccións da hora que chegaron ata os nosos días.

En canto ás unidades de tempo superiores ao día, o SI non as considera. Se ven as semanas poderían chegarse a definir como múltiplos do segundo SI, a actual concepción do calendario (ver historia das reformas do calendario) non permite usar os meses e anos como medida de tempo cientifica, ao non ser unidades de valor constante en relación ao segundo. O calendario, históricamente, debe pretender sincronizarse o mellor posible co ano solar, co mes sinódico (lunar) e co día. E dado que a duración da traslación da Terra ao redor do Sol (ano) non é múltiplo da duración da súa rotación (día), nin da traslación da Lúa (mes), non é posible dividir anos nun número exacto de días, nin de meses de duración constante.

Hai, e houbo propostas de dividir o calendario nun número exacto de meses cun mesmo número de días, estandarizando máis a medida do tempo, pero sempre se necesitará de días complementarios para non desfasarse das estacións nin do ano natural. A proposta que tivo máis aplicación foi a do calendario republicano francés, con 12 meses de 30 días, e 5 ou 6 días complementarios para igualarse aos 365 ou 366 do ano gregoriano.

Particularmente, a proposta que me parece máis elegante é a do International Fixed Calendar, ou Eastman Plan, proposto en 1902 por Moses B. Cotsworth, e que foi o calendario oficial da Eastman Kodak Company de 1928 a 1989. Este calendario divide o ano en 13 meses de 28 días exactos, cun día extra ao final de cada ano non aliñado con ningún mes (Year Day). Outro día disasociado a mes, o Leap Day, se engade os anos bisiestos.

Ano de 13 meses, todos de 4 semanas exactas.

Ano de 13 meses, todos de 4 semanas exactas. Todos os 10 de setembro caerán sempre en martes.

Con este calendario, as semanas e os meses poderían empregarse no SI, non así os anos. Mentres liguemos a nosa concepción do tempo ao astro que controla as nosas vidas, intentando sincronizarnos con periodos de fenómenos non sincronizados, e de duración variable, a humanidade non poderá ter un estándar de tempo totalmente racional. Quen sabe si cando abandonemos o noso planeta natal os humanos non adoptaremos outros estándares? De momento, os turnos de traballo dos controladores dos robots exploradores que se envían a Marte xa se rixen polo día marciano, dunha duración de 24:39:35,244. Cando non teñamos astros de referencia, como será a nosa maneira de medir o tempo?

Mesmo o propio concepto de tempo xa é de definición un tanto esquiva… E aquí o deixo, antes de poñerme máis filosófico. Por favor, sede benvidos a divagar comigo nos comentarios.

 

 

 

Para saber máis:
·Múltiples fontes en artigos da wikipedia enlazados ao longo de todo o post.
·La noche más larga del año, alrededor del mundo. Fronteras.
·All the Rest Have Thirty-One. The Making of Sense

 

Banda sonora do post: It’s Not How You Start, It’s How You Finish – The Hours.
Bonustrack: Time – Pink Floyd

Advertisement