As illas dos mortos

Este blog leva moitos meses parado, moitos de vós xa de seguro o dávades por morto. Igual tiñades razón, pero agora vou devolvelo á vida como un cutre Frankenstein de provincias.

Xeorama reanimation

Xeorama is rising from the grave.

Pese a esta resurrección, esta ave fénix da xeografia non vai voar lonxe, porque de mortos vai a cousa: véñovos falar de illas cemiterio, illas só habitadas por mortos. Acompañádeme nun apaixonante percorrido polos rincóns máis mortos de todos os continentes.


· Isola di San Michele (Venecia, Italia, Europa)

isola san michele 1

Esta pequena illa sirve de cemiterio á cidade dos canais desde hai máis de 2 séculos. Antigamente, os mortos de Venecia enterrábanse na propia cidade en tumbas desperdigadas, agás  nas grandes epidemias, nas cales se recurría á máis alonxada illa de Poveglia, na cal se estiman que se depositaron e queimaron máis dun millón de corpos humanos durante as distintas plagas que asolaron a Venecia medieval. Entre a incrible cantidade de morte e pestilencia que se verteu nela, e a posterior construcción dunha prisión para enfermos mentais, xa abandonado, non é de estrañar que circulen rumores de espíritos e encantamentos.

Pero volvamos a San Michele, que está moito máis cuidadiña e luce mellor, con esa elegante decadencia típica da cidade dos canais. Nesta illa Mauro Codussi deseñou a primeira edificación renacentista da cidade veneciana, a igrexa para os monxes benedictinos. Foi coa ocupación das tropas napoleónicas que se decidiu dedicar San Michele ao último descanso dos veciños.

san-michele

Ampliouse a illa, que medrou ata solaparse coa veciña Isola di Cristoforo, e organizouse unha división ortogonal dos espacios, unha cuadrícula con barrios para os xudeus, os protestantes, católicos, evanxélicos e ortodoxos, organizada en rúas para os mariñeiros, os sacerdotes, etc. Entre os seus ilustres habitantes atópanse Igor Stravinski ou o entrenador de fútbol Helenio Herrera.

560

Para saber máis sobre San Michele:
· Muerte en Venecia – Meridianos. (Español)
· La laguna della morte di Venezia – VeneziaLike. (Italiano)


· Hart Island (Nova York, USA, América)

hart-island-1

Hart Island, abaixo á dereita

Comparar San Michele con Hart Island sería como comparar un Rolls Royce cun autobús de liña de ALSA. Exclusividade e elegancia ante funcionalidade e servicio. Porque Hart Island é o último servicio público que empregan quenes non teñen nada na cidade de Nova York. Quenes non teñen nin vida.

En Hart Island véñense enterrando ao redor de 1500 corpos ao ano desde 1870. Jane Does que ninguén recoñece nin reclama; xente sen fogar nin familia; bebés que nacen mortos; e mesmos membros amputados nos hospitais públicos.

inmates burying babies

Presos de Rikers enterrando cadaleitos de bebés, 1991. Fotografía por Fred R. Conrad / The New York Times

Xestionado polo Departamento de Prisións, os restos humanos que chegan son enterrados polos presos da veciña prisión de Rikers, en grandes fosas comúns con capacidade de ata 150 corpos adultos, ou 1000 bebés. Os presos recollen os restos e colócanos en sinxelos féretros tamén feitos por presos, que logo apilan na fosa, en 3 alturas. Unha vez chea, tapan, e póñense a cavar novamente.

70 pés de longo, 20 de ancho, e 6 de fondo, para encher con este Tetris macabro dos desperdicios humanos da gran cidade.

Recoméndovos algúns xeniais artículos escritos sobre Hart Island:
· A Prison for the Dead – The Awl. (Inglés)
· Hart Island, New York’s secret graveyard – New Internationalist (Inglés)
· Islands of the Undesirables: Hart Island – Atlas Obscura (Inglés)
· Visiting the Island of the Dead – New York Times (Inglés)
· 1,000,000 Buried on Forbidden NY Island – Real Clear (Inglés)
· What We Found at Hart Island – Gizmodo (Inglés)


· Isla del Rey Francisco (Arquipélago das Chafarinas, España, África)

islarey001
Esta illa da costa mediterránea de Marrocos pertence a España, xunto co arquipélago das Chafarinas do que forma parte, desde o 1848, ano nos que os españoles as ocuparon para frear a expansión francesa no norte de África e manter control sobre o estreito de Xibraltar.

Neste arquipélago nunca antes houbera ocupación estable, pero desde entón mantívose presenza militar nelas, especialmente na illa Isabel II, a de mellores condicións na que chegou a haber 1000 habitantes e mesmo poboación civil.

juandelac.cementerio

A illa do Rey Francisco (que era o marido de Isabel II alá pola época na que os españois se estableceron aquí) empregouse como cementerio, e nela descansan os restos de 197 persoas.

Para saber máis sobre a illa Rey Francisco:
· Territorios de España en el Mediterráneo – Blog de Banderas (Español)


 

· Buromskiy Island (Antártida)

Ivan_Khmaras_Stone_Buromsky_Island_Cemetery_cropped

Si, hai illas-cemiterio en todos os continentes.

Esta illa atópase no arquipélago das illas Haswell, illas rocosas na costa do continente antártico, moi perto da estación permanente de investigación soviética (agora rusa) coñecida como Mirny Station.

11384583995_33cf65c679_b

Selo conmemorativo da expedición que deu lugar ao establecemento das bases permanentes soviéticas na Antártida, Mirny e Vostok.

En xaneiro do 1956, Ivan Khmara morreu nun accidente, e na súa honra colocouse unha placa nesta illa. Máis tarde, en agosto do 1960, uníronselle a él oito cidadáns soviéticos, suizos e da Alemaña Oriental, que logo dun incendio na Estación Mirny, atoparon descanso eterno en Buromskiy.

14074881

Para saber máis sobre a illa Buromskiy:
· Buromskiy Island – Wikipedia (Inglés)


· Isle of the Dead (Port Arthur, Australia, Oceania)

IsleOfTheDead

Como o seu nome indica, esta pequena illa na costa de Tasmania serveu xa desde que se instalou xente na veciñanza como lugar de enterramento dos mortos.

Port Arthur, na illa de Tasmania, Australia, é un pequeno e (case sempre) tranquilo pobo, hoxe en día convertido prácticamente todo el en museo ao aire libre, lembrando a súa orixe como colonia penal.

port-arthur-historic

A Port Arthur, entre 1833 e 1877, chegaron os presos máis perigosos, ou cando menos máis revoltosos, do Imperio Británico. Eran presos que, unha vez chegados a Australia, reincidían nos delitos polos cales xa os desterraran orixinalmente. Xa que logo, en Port Arthur aplicábanse as medidas de seguridade máis estrictas das prisións británicas, baseándose nas teorías de Jeremy Bentham e o seu Panopticon.

Aos que morrían neste penal enterrábaselles nunha illa veciña, que deu en chamarse xa que logo Isle of the Dead. Nela consérvanse 18o tumbas marcadas, as do persoal penitenciario, para un total de 1646 enterramentos rexistrados.

Gravestones_Isle_of_Dead_Tasmania_Port_Arthur

Hoxe en día, o pobo é explotado como unha das atraccións turísticas históricas máis importantes e visitadas de Australia, rexistrado xunto con outras antgas colonias penais como Patrimonio da Humanidade pola Unesco no 2010.

Para saber máis sobre a Isle of the Dead:
· Isle of the Dead – The Companion to Tasmanian History (Inglés)
· Isle of the Dead Cemetery Tour – Port Arthur Historic Sites (Inglés)


 

· Sunken Cemetery (Isla Camiguin, Filipinas, Asia)

Q

Vale, agora vou facer trampa. Esto non é un cemiterio nunha illa. Esto é unha illa emerxida sobre un antigo cemiterio afundido. Explícome.

A illa de Camiguin é unha pequena illa volcánica no arquipélago das Filipinas na cal viven unhas 85000 persoas. Nunha das poboacións da illa, Catarman, había unha pequena capela cristiá dos españois, e ao redor dela un cemiterio. En 1871, entrou en erupción o Monte Vulcan (encántanme os nomes filipinos), e esa erupción durou ata 1875, tempo no cal o monte medrou… 2000 pés!

Nesa erupción, ademáis de dar o estirón o Monte Vulcan, afundiuse gran parte do pobo de Catarman, incluindo o seu cemiterio.

Q (1)

Os restos das tumbas inda se vían en marea baixa, ata o 1948, no que unha nova erupción soterrou definitivamente o cemiterio baixo a lava solidificada, deixando unha pequena illa de roca volcánica no lugar.

cemetery-of-camiguin-32

Nesa illa construiuse unha gran cruz en 1982, en homenaxe ás persoas enterradas no pequeno cemiterio baixo a lava e o mar.

cemetery-of-camiguin-26

Para saber máis sobre o Sunken Cemetery:
· The Sunken Cemetery of Camiguin – Collective Intelligence (Inglés)
· The Sunken Cemetery of Camiguin – Amusing Planet (Inglés)
· Sunken Cemtery of Camiguin Island – Philippines Travel Wiki (Inglés)

 


Banda sonora do post: Some Enchanted Evening – Blue Öyster Cult

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s