Trala caída do Muro de Berlín e a disolución da CCCP, os países de Europa do Leste foron desfacéndose pouco a pouco da simboloxía do réxime comunista, ao tempo que lograban a súa independencia. Pero non todos os estados que surxen da disolución están dispostos a renunciar a un pasado tan grandioso: así nace Transnistria, a derradeira “fouce e martelo” de Europa.

Para a comunidade internacional, a rexión de Transnistria non é máis que unha provincia da República de Moldavia, entre Rumania e Ucrania. A rexión, máis concretamente, comprende aqueles territorios máis aló do río Dniester, o que lle dá nome: Trans-Dniester -> Transnistria; ou en ruso, Приднестровье (Pridnestrovia).
A rexión é un val estreito na marxe esquerda do Dniester, duns 4.000 km2, aproximadamente a superficie da provincia de Pontevedra, no que viven unhas 550.000 persoas. A súa capital e cidade máis habitada, Tiraspol, conta con 160.000 habitantes. Considérase parte da rexión tamén a cidade de Bender, xeográficamente fóra da rexión ao atoparse na ribeira dereita do río.

Mapa de Transnistria
Pese a ser a efectos internacionais parte do mesmo país, cando alguén viaxa por estrada desde Chisinau a Tiraspol, necesariamente pasará controis fronteirizos ante militares armados, uniformados con símbolos soviéticos, e que esixiran algún soborno para acceder ao país sen visado, imposible de obter xa que non hai oficinas consulares transnistrias en ningún outro lugar do mundo. Tamén deberá cambiar os seus leus moldavos ou euros por Rublos de Transnistria, unha moeda só aceptada nesa rexión, na que se representa a figura de Aleksandr Suvórov, un xeneral ruso do s. XVIII que nunca perdeu unha batalla, e que fundou Tiraspol tras unha victoria contra o Imperio Otomano.

Posto de control na “fronteira” moldavo-transnistria
Transnistria é entón, a efectos prácticos, unha rexión independente, en mans dun goberno local non recoñecido pola comunidade internacional, que mantén os símbolos da antiga República Soviética. O Estado de facto está considerado un lugar estratéxico no tráfico de armas, un país refuxio de mafias; e os seus dirixentes teñen prohibido o acceso a calquera país da Unión Europea.
Como se chegou a esta situación?
Esta zona formou parte na Idade Media do Rus de Kiev e en 1504 pasou a dominio otomano. En 1792 foi cedida ao Imperio Ruso. A finais do s. XVIII produciuse a colonización de rusos e ucranianos da zona, dado que os seus habitantes orixinais eran rumanos e moldavos, coa intención de defender o que daquela supoñía a fronteira sudoriental do Imperio.
Trala Revolución Rusa pasou a formar parte da República Socialista Soviética de Ucrania, con importante autonomía e con dereitos lingüisticos garantidos para a comunidade rumana-moldava. No Pacto Molotov-Ribbentrop entre a Unión Soviética e o terceiro Reich, parte de Rumanía pasou a control soviético, creándose a RSS de Moldavia entre os ríos Dniester e Prut, á que se lle sumou tamén a rexión de Transnistria. Na Segunda Guerra Mundial, Rumanía anexionou o territorio, producíndose nela un duro episodio do xenocidio do pobo xudeu, coa morte de 100.000 persoas.

Trala guerra, a URSS recuperou o control da RSS Moldava. Fomentouse unha economía baseada na agricultura, e desenrolouse unha cultura moldava diferenciada artificialmente da rumana. Impúxose o alfabeto cirílico para o idioma moldavo, e achegáronse os nomes dos pobos e cidades á pronuncia das linguas eslavas. A rexión de Transnistria foi máis industrializada que o resto do país, e nela se acantonou o 14º Exército Soviético, establecendo un importante arsenal na vila de Kolbasna.
Dito arsenal permanecerá na rexión trala disolución da URSS, e a pesar de que se intentou desmantelar con supervisión da OSCE, ao que supostamente se negaron as autoridades transnistrias, hoxe en día 22.000 toneladas de armamento e material militar.
A finais dos 80, coa liberalización da política soviética a nivel local, as repúblicas nas cales os rusos eran minoría viraron cara o nacionalismo; así, na RSS de Moldavia entre 1989 e 1990 fíxose idioma oficial o moldavo no canto do ruso, adoptouse a bandeira tricolor tradicional rumana co escudo moldavo, e o himno nacional pasou a ser o Deşteaptă-te, române!, himno revolucionario de 1848 que tamén foi himno rumano. A finais do 1990 tiraron do nome do país as palabras Socialista e Soviética, pasando ao actual de República de Moldavia.

Cambios na bandeira nacional entre a Moldavia soviética e a actual. Mención de honra para os nostálxicos coa bandeira de Transnistria.
Estes feitos, unidos á caída do comunismo tamén na veciña Rumanía e a apertura parcial da fronteira entre ambos países, fixo crer na unión entre Rumanía e Moldavia, o que levaría á alienación da minoría rusa. Minoría que na industrializada rexión de Transnistria era realmente a maioría, polo que naceu o sentimento separatista na zona. Así, o 2 de setembro de 1990 proclámase unilateralmente a República Moldava Pridnestroviana, feito que foi invalidado polo presidente Gorbachov. Transnistria converteuse así nunha república independente de facto, do mesmo modo que as repúblicas, tamén nacidas do desmembramento da URSS, de Abjasia, Osetia do Sur e Alto Karabaj.

Cando a URSS se foi a pique, todos quixeron ter o seu bote propio.
No 1991 o parlamento moldavo aprobou a súa propia Declaración de Independencia, que si foi recoñecida. Nela declaraba nulo o pacto Molotov-Ribbentrop, resaltando que a unión da Rexión Autónoma Soviética de Moldavia (é dicir, da Transnistria) coa Besarabia (o resto da actual Moldavia) fora unha ocupación ilegal. O que os moldavos pretendían facer pasar como unha mostra de rechazo da ocupación soviética, os transnistrios interpretárono como unha disolución efectiva das dúas ribeiras do Dniester. As hostilidades aumentaron e levaron ao país á guerra civil.
Nota mental: é moi importante redactar ben as Declaracións de Independencia.
A Guerra Civil Transnistria comezou o 2 de marzo do 1992, día que Moldavia era admitida como membro das Nacións Unidas. Nun primeiro momento, as forzas estaban moi igualadas entre o exército moldavo (que se iba improvisando sobre a marcha, creándose o Ministerio de Defensa para xestionar o enfrontamento) e os milicianos transnistrios (veciños que roubaban armas nos vellos depósitos de armamento soviéticos). Pero os transnistrios recibiron o apoio da 14ª División do Exército Soviético, acantonada en Tiraspol, pese a que a posición oficial desde Moscú era a neutralidade; e contaban ademáis cos arsenais almacenados na zona durante o periodo de dominación soviética, polo que a loita logo se decantou do bando separatista.

Bloqueo da estrada preto de Dubasari durante a guerra civil transnistria, 1992.
Realmente nunca chegou a ser unha guerra aberta, senón máis ben unha serie de pequenos episodios violentos. O máis importante sucedeu o 3 de xullo de 1992, cando para poñer fin aos enfrontamentos, localizados sobre todo na cidade de Bender, un ataque masivo do Exército Ruso a mans do xeneral Aleksandr Lébed masacrou ás forzas moldavas concentradas na zona. Tralo enfrontamento, a Lébed atribúenselle as seguintes declaracións: “I told the hooligans in Tiraspol and the fascists in Chisinau — either you stop killing each other, or else I’ll shoot the whole lot of you with my tanks.” Tras eses sucesos comezaron as negociacións entre ambos bandos, e o 21 de xullo firmaron un armisticio, que inda se mantén vixente.
Nese intre detívose o paso do tempo para Transnistria.

Escudo da URSS nunha parede dun edificio en Tiraspol.
Os símbolos da República Moldava Pridnestroviana continúan a ser os da Moldavia Soviética, tanto a bandeira como o escudo. Séguese a celebrar un desfile militar polas rúas de Tirana cada 9 de maio polo Día da Victoria. As rúas da capital manteñen un gran número de monumentos da época comunista: Lenin, Karl Marx, tanques soviéticos… Os murais e pintadas das rúas fainas o Goberno, non os cidadáns, e repiten eslóganes en ruso, sempre en torno á mesma idea: “A nosa forza é a unión con Rusia”.

Estatua de Lenin enfrente do Soviet Supremo (Parlamento) de Transnistria.
Trala guerra, o goberno do país foi asumido por un dos líderes separatistas, Igor Smirnov, quen instaurou un sistema multipartidista cun parlamento unicameral chamado o Consello Supremo (ou Soviet Supremo), en continuación directa co sistema que se viña dando nos últimos anos da anterior república soviética.

Tanque soviético engalanado coa bandeira transnistria e colocado a modo de monumento.
Redactouse unha constitución que recolle o dereito á propiedade privada, e un sistema de elección de presidente mediante votación popular, para un mandato de 5 anos. O estado de Transnistria recolle cooficialidade das línguas rusa, ucraniana e moldava, inda que o ensino desta última está moi limitado. Decrétase tamén a liberdade de prensa, sen embargo a maior parte dos medios de comunicación están en mans do goberno.

Rublos de Transnistria
O país ten o seu propio banco central que emite e imprime a moeda propia, rublo de Transnistria; teñen os seus propios pasaportes (non recoñecidos), sellos de correos (só para uso local), e mesmo sistema de telefonía móvil propio cunhas tarxetas SIM especiais. O que non teñen son embaixadas de ningún outro país, agás Abjasia e Osetia do Sur, na mesma situación de non-recoñecemento internacional.

Cidadá da Transnistria ensinando o seu pasaporte.
Pese a manter os símbolos do comunismo na bandeira e escudo, nos uniformes militares, nas rúas, e demáis, Smirnov declarou desde un principio crer na economía de mercado, e así, tras gañar as primeiras eleccións, comezou un proceso de privatización das empresas do país, moitas das cales acabaron en mans do Holding de empresas Sheriff, no cal teñen intereses membros da súa propia familia. Como na maioría dos países surxidos do desmembramento da URSS, o poder económico aquí tamén quedou en mans dunha reducida oligarquía.

Supermercado da cadea Sheriff
Existen acusacións por parte de organismos internacionais de que parte da economía do país se basa no expolio dos antigos arsenais soviéticos que quedaron no territorio para a súa venda a milicias, guerrillas e grupos terroristas. Non hai probas concluíntes de ditas acusacións, pero sí un documental moi sensacionalista para a televisión francesa.

Desfile militar en Transnistria.
Tras dous mandatos consecutivos, Igor Smirnov perdeu as eleccións de 2011 ante Yevgeny Shevchuk, líder do partido opositor de centro dereita, e que prometía acabar coa corrupción e o nepotismo do país. Veremos como lle vai, de momento non parece que cambiase moito… Por se acaso, irei reservando en canto poda un tour turístico pola última republica soviética.

Para saber máis sobre este curioso país:
· Supreme Council of the Pridnestrovian Moldavian Republic. Web oficial do Parlamento Transnistrio.
· Transnistria, l’últim reducte de la URSS. Mil viatges
· Welcome to Transnistria: a Soviet breakaway territory in Eastern Europe. Galería de fotos no Telegraph.
· The Country That Doesn’t Exist. Vice.
· Weapons Smuggling and Youth Cults in the Country That Doesn’t Exist. Vice.
· Tiras.ru. Web dun periódico propiedade de Dmitry Soin (imaxino, sae en todas as noticias).
· Lugares que no existen. Fronteras.
· Transnistria: Corrupción y tráfico de armas en la última República Soviética. Finding Borja
· Transnistria, un país desconocido. Mis viajes por ahí
· Transnistria, el país que no es. La Vanguardia Magazine
· Dark Tourism: The Last of the USSR, Transnistria. The Bohemian Blog.
· Pridnestrovie: Black hole or paradise?. Subversify.
· Europe’s rogue mini-state clings to Soviet satellite status with threat of nuclear device. The Australian
· Transnistria: A Country That Doesn’t Exist, But Has the Guns to Make You Think Otherwise. Huffington Post.
· All about Transnistria. Transnistria.blogspot.com
· Trans-Dniester Profile. Country Profiles for BBC News
Banda sonora do post: CCCP – Fedeli alla linea