O viral de internet da semana foi o barco á deriva infestado de ratas caníbales que se dirixía a Reino Unido; pero de popularizarse a historia de Hashima, o balbordo sería se cabe maior.
Hashima (端島), coñecida tamén como Gunkanjima (軍艦島), literalmente “a illa – barco de guerra”, mide 480 m. de lonxitude, e está construída case enteiramente de formigón. Leva dende o ano 1974 abandonada a apenas 15 km. de Nagasaki. Entón, por qué ninguén se preocupa como fixeron os tabloides ingleses co Lyubov Orlova? Pois porque, a pesar do seu aspecto, Hashima é unha illa, e nada a vai mover do sitio.
Como chegou Hashima a ter un aspecto tan artificial? Pola minería. No ano 1887 chegaron os primeiros habitantes á illa, tras descubrirse nela unha importante veta de carbón. Eran pioneros enfrontándose a vivir nunha roca sen ningún tipo de vexetación nin fonte de auga, dependentes por completo do exterior.
No 1890, Mitsubishi mercou a illa e as cousas empezaron a descontrolarse. Construíron un dique rompeolas ao redor de todo o perímetro da illa, e os primeiros grandes edificios de formigón de todo Xapón. Ao redor de 1930 a illa tiña este aspecto:
Durante a Segunda Guerra Mundial foi un obxectivo prioritario para o goberno nipón manter a mina funcionando para abastecer as necesidades de carbón, polo que se chegou a empregar man de obra esclava na mina. Trala guerra mundial, co obxectivo de alimentar a recuperación económica do país, e sobre todo durante a Guerra de Corea, a mina tivo o seu maior crecemento.
Así, en 1959 chégase ao pico de poboación na illa: 5.259 persoas. Tendo en conta que das pouco máis de 6 Ha. de superficie da illa a mina xa ocupaba 2,5 para a súa actividade, temos que na zona habitada chegou a darse unha densidade de poboación de 139.000 Hab/Km2, unha das maiores xamáis rexistradas no planeta.
Nos 60, comezouse a traer terra e a plantar as primeiras plantas da illa, creando hortos nas azoteas dos edificios. Ese feito, unido á canalización de auga potable traída desde “terra firme” efectuada na segunda metade da anterior década empezou a facer á illa menos dependente dos barcos que a abastecían. Trouxéronse cociñas, frigoríficos e neveras, e a calidade de vida dos habitantes aumentou. Mitsubishi proporcionaba unha taxa de emprego do 100%, vivenda, auga e electricidade gratuitas a toda a poboación. Foron os anos dourados de Hashima.
Pero toda a actividade da illa dependía do carbón, e a finais dos 60 e principios dos 70 empezou a deixar de ser rendíbel a súa explotación, entre outros factores pola popularización no uso do petróleo como combustible en todos os ámbitos industriais. Non houbo ningún interese en reconvertir a industria local por parte da Mitsubishi (recordemos, empresa propietaria da illa). O 15 de xaneiro de 1974, tras anos de reducción de persoal e traslados a outras instalacións da empresa, anunciouse o peche definitivo da mina. En tan só 4 meses, a illa quedou deserta.
Os traballadores da mina foron na súa maioría reubicados noutras instalacións da Mitsubishi, e os mestres de escola, médicos, donos de tendas e pubs, etc. perdían de repente a todos os seus nenos, pacientes e clientes, polo que tamén se viron obligados a marchar. O 20 de abril de 1974 saía o ferry cos últimos habitantes da illa nel.
Abandonada totalmente á súa sorte, os edificios da illa fóronse deteriorando pola falta de mantemento. A dificultade no acceso preservou os mobles e electrodomésticos que quedaran atrás (tamén eran propiedade da Mitsubishi), polo que co paso do tempo empezou a xerar interese turístico por parte de curiosos que vian a illa como unha burbulla da sociedade nipona dos 60. No 2002, a Mitsubishi transferiu voluntariamente Hashima ao concello de Takashima, que logo foi absorbido no 2005 polo e Nagasaki. No 2009, unha pequena parte da illa foi reaberta ao turismo.

Turista en Hashima. Fonte: gakuran.com
A illa apareceu en documentais como Life After People, serviu como inspiración para a guarida do inimigo de James Bond en Skyfall, e como escenario de multitude de reportaxes fotográficos sobre ruinas e edificios e pobos abandonados. En 2013, Google mandou a un empregado á illa cunha mochila-camara para habilitar unha visita virtual á illa en Street View. O resultado podedes velo en Google Maps.
Podedes reflexionar sobre o desenvolvemento sostíbel con este pequeno lugar do mundo como exemplo. E agora que sabedes onde está, non dubidedes en visitar Hashima sempre que queirades: ninguén vos espera. Como reza unha pintada alí: “a vida nunca volverá a esta illa”.
–
Máis información e fotos:
· Hashima: The Ghost Island. Cabinet Magazine.
· Gunkanjima, la isla abandonada de Hashima. Compendium Magazine.
· Battleship Island – Japan’s rotting metropolis. Vice.
· Hashima Island. Wikipedia.
· Gunkanjima:Ruins of a Forbidden Land. Gakuranman.
· Gunkanjima Island. Atlas Obscura.
· The ghost island of Hashima, Nagasaki Prefecture, Japan. Artificial Owl.
· Hashima, the ghost island of Japan. Deserted Places.
· Hashima Island. Enter the forgotten world. Bryan James.
–
Banda sonora do post: Deserted Island, de Naoki Iwane