Reunión

Européens d’outre-mer

Europa. Xa que estamos en ano electoral, voume poñer o meu sombreiro de europeísta (que ultimamente está algo gastado), e vou escribir sobre o vello continente.

A Europa dos... cantos somos xa?

A Europa dos… cantos somos xa? 28?

Pese á crise económica que está a sufrir, para boa parte do mundo, chegar á Unión Europea segue a ser un soño. Un soño que en ocasións pode ter un final tráxico. Ou violento.

Sen embargo, hai persoas doutros continentes que desde o seu nacemento son cidadáns europeos con todas as da lei. Non vou falar dos acordos internacionais que teñen os Estados europeos, porque non me vexo capaz a non ser que queira dedicar o blog exclusivamente a eso. Un caos (un caos en forma de diagrama de Euler cheíño de enlaces!).

Tampouco vou falar das British Overseas Dependencies, porque hai quen o explica moito mellor e con máis gracia. Nin dos restos coloniais de España, que para un post enumerativo, e tan só brevemente descriptivo, como este que ledes, hai pouca miga. Ademáis, sitúanse todas no continente veciño. E si falo do Imperio Español arríscome a que alguén me meta nos comentarios un enlace a “El Imperio Contraataca” de Los Nikis…

Vou falar de Francia. Por varias razóns, a saber:
1) Creo que é a potencia colonial europea que garante maiores dereitos de cidadanía aos habitantes das posesións que conserva (algún experto en dereito internacional na sala para rebatirme?)
2) Ten posesións en todas partes. Mantén a única colonia europea que queda en América do Norte! (chegaremos a ela máis tarde).
3) Ten o récord de vó regular entre territorios do país máis longo: París Roissy-Saint-Denis, Reunión (Francia): 9.349 kilómetros
4) Porque é o meu blog e foi o que se me ocurriu. Que fago eu aquí xustificándome?

Vive la France d'outre-mer!

Vive la France d’outre-mer!

Ben, logo de 300 palabras de introducción totalmente prescindibles, vamos ao que interesa. Preparade café. Lista de territorios franceses de ultramar, de máis a menos habitados, e algúns datos curiosos:

_

2000px-Blason_Réunion_DOM.svgReunión: Con preto de 850.000 habitantes para 2.512 km2, esta illa do Índico, ao leste de Madagascar, é o Departamento de Ultramar máis habitado de Francia. Capital Saint Dennis. Empregan o Euro, son parte do Espacio Schengen… É unha provincia máis de Francia, como as Azores para Portugal.

Pertence ao arquipélago das Illas Mascareñas, hoxe en día todas elas territorio do Estado de Mauricio agás a propia Reunión, e con nomes de illas tan exóticos como as illas “Agalega” (CRTVG likes this) ou os caios “Cargados Carajos“. Os mariñeiros portugueses e españoles eran uns cachondos poñendo nomes.

Ocupada en 1638 e reclamada por Francia en 1642, Luis XIII denominouna “Illa Borbón” (e estábanche ben mellor alí que na Zarzuela, na miña humilde opinión). En 1793, trala Revolución, decidiron cambiarlle o nome a Reunión, xa que as referencias á monarquía estaban mal vistas. En 1801 renomeárona “Illa Bonaparte” para facerlle as beiras a Napoleón; no 1810 os ingleses invadírona e o comodoro Josias Rowley púxolle de novo o nome Borbón (supoño que solo por tocar as narices aos franceses). No 1815 foi devolta a Francia e no 1848 volvérona a bautizar, xa definitivamente, como Reunión. Por fin.

Praias, acantilados, volcáns… O turismo e a natureza son os maiores atractivos de Reunión. Na illa naceron personalidades como a espía na guerra francoprusiana Juliette Dodu, ou o primeiro ministro francés Raymond Barre.

Para saber máis:
· France.fr: Información sobre Reunión do portal do goberno francés.
· Reunion.fr: Portal turístico da Illa Reunión.

Ile La Reunion - Tourism

_
_

2000px-Armoiries_république_française.svgGuadalupe: Pequeno arquipélago do Caribe ao sureste da República Dominicana, a 600 km das costas de América do Sur. 425.000 habitantes en 1.704 km2.

Na illa principal do arquipélago, chamada Karukera (“illa de belas augas”) polos nativos Arawak, e “Gwuada” na lingua creole local actual, nesta illa desembarcou Cristóbal Colón no seu segundo viaxe ás “Indias”, en 1493, e alí descubreu a piña para os europeos. O propio Colón deulle o nome de Guadalupe pola Virxe de Guadalupe, venerada en Villuercas, Extremadura.

No 1635, unha expedición da Compañía de Indias impulsada polo Cardenal Richelieu, tomou posesión da illa, diezmou á poboación indíxena local e levou escravos africanos para o cultivo da caña de azúcar. Tras breves ocupacións dos ingleses, que incluso chegaron a ceder a illa a Suecia brevemente, en 1814 volve definitivamente a control francés. No 1848 abólese a escravitude na illa, e desde o 1871 está representada no Parlamento Francés.

A Riviere-Salee separando as dúas illas principais de Guadalupe.

A Rivière-Salée separando as dúas illas principais de Guadalupe.

O arquipélago está composto polas illas de Guadalupe (que en realidade son dúas illas, Basse-Terre, a capital, e Grande-Terre, separadas por un estreito brazo de mar), Marie-Galante, La Désirade (á que chegou Colón), Les Saintes e Petite Terre.

Xeográficamente, forma parte das Pequenas Antillas, xunto con outras dúas posesions francesas que mencionaremos máis adiante, e que se separaron do control administrativo da propia Guadalupe en 2007.

Para saber máis:
·France.fr: Información sobre Guadalupe do portal do goberno francés.
·Guadeloupe.fr: Portal turístico de Guadalupe.

Guadeloupe - Tourism

_
_

Coat_of_arms_of_Martinique.svgMartinica: Illa do Caribe, que forma parte das Antillas Menores, e dentro deste grupo de illas, pertence ás chamadas Illas de Barlovento. Descuberta por Colón en 1502, os indíxenas chamábana Jouanacaëra-Matinino.

Pertence a Francia desde 1635, e ao igual que Guadalupe, durante séculos se explotou a illa para o monocultivo de caña de azúcar con man de obra escrava, nun infame triángulo comercial América – Europa – África. En Martinica a explotación dos africanos mantívose máis tempo que noutras colonias franceses gracias a acordos cos británicos.

Memorial na honra dos esclavos en Anse Cafard, Martinica.

Memorial na honra dos esclavos en Anse Cafard, Martinica.

Na illa naceu Josefina de Beauharnais, a primeira muller de Napoleón Bonaparte. Pero é coñecida sobre todo pola erupción do Monte Pelée, entre o 2 e o 8 de maio de 1902, evento que destruiu totalmente a primeira cidade fundada na illa, Saint Pierre, e deixou case 30.000 mortos. Deixou 3 supervivintes en toda a cidade, en concreto. Algún deixando ademáis un impresionante relato dos feitos.

Pelee_1902_3

Saint Pierre, Martinique. 1902.

Tralo desastre, e durante todo o século XX, foise recuperando a poboación da illa. Hoxe en día, nos seus 1.100 km2 viven 430.000 cidadáns franceses, tendo a súa capital en Fort-de-France, relativamente lonxe do Pelée.

Para saber máis:
·France.fr: Información sobre Martinica do portal do goberno francés.
·Martinique.fr: Portal turístico de Martinica.

Martinique_Tourism

_
_

2000px-Coat_of_arms_of_French_Polynesia.svgPolinesia Francesa: Os cidadáns deste montón de máis ou menos paradisíacas illas do Pacífico teñen cidadanía francesa, e polo tanto europea; o territorio, sen embargo, non: o nivel de autonomía coa metrópole, que lle permite entre outras cousas imprimir o seu propio diñeiro ou usar o que eles prefiran, amén de ter os seus símbolos, leis e parlamentos autónomos, fan que non sexan considerados parte da Union Europea. Son os territorios coñecidos como Colectividades francesas de Ultramar, en contrapunto aos Departamentos de Ultramar, que si son UE (concretamente considéranse RUP, Rexións Ultraperiféricas da Unión Europea). Como diría C.G.P. Grey, aos europeos mólannos os acordos con moitos asteriscos

Despois deste rollo xeopolítico que só pode interesar a xente que le blogs especializados no tema (oh, wait…), vamos co interesante.

Presumindo de

Air Tahiti presumindo de distancias.

Xeográficamente, a Polinesia Francesa ocupa 2.500.000 km2 de océano, ou en unidades do parte do mediodía, 50 millóns de campos de fútbol. En realidade non son unha única entidade máis que políticamente, subdividíndose en 5 arquipélagos: Illas da Sociedade, Illas Marquesas, Arquipélago Tuamotu, Illas Austrais, e Illas Gambier. E deixaremos aquí a subdivisión, que un “illa a illa” daba xa para o seu propio blog. Ou polo menos para un post de seu, que non descarto para o futuro.

Existen un total de 127 illas principais, máis pequenos atolóns e illotes; 4.167 km2, dos cales 902 km2 (18.000 campos de fútbol) están deshabitados. No resto, repártense os 275.000 habitantes do territorio. 275.000 habitantes en 2.500.000 km2 de mar. Como é de supoñer, a unión entre os distintos grupos de illas antes do contacto co maldito home branco era nula.

Fernando de Magallanes, Álvaro de Mendaña, Jakov Roggeveen, James Cook… Con tantas illas, entre 1521 (Magallanes avista Pukapuka, en Tuamotu) e a segunda metade do s. XVIII, case cada viaxe pola zona daba para un descubrimento.

A diferencia das masacres que tinguen a conquista de América polos españois, os franceses e ingleses iban expulsando reis e declarando protectorados na zona gracias a unha arma diferente: o cristianismo. Misioneros protestantes británicos converteron aos súbditos do rei Pomare II de Tahití, a quen expulsaron; logo chegaron os católicos franceses, e como a poboación local se mostrou hostil, Francia tivo excusa para declarar Tahiti e Tahuata como protectorado francés.

Non vos entran ganas de volver a "convertir catapultas ao cristianismo"?

A vos tamén vos están entrando ganas de volver a “convertir catapultas ao cristianismo”?

Logo, pouco a pouco, Francia foi reclamando illas e cambiando o estatus de protectorado a colonia, ata chegar a posuír todas illas da actual Polinesia Francesa. No 1946 concédeselle aos polinesios a cidadanía francesa.

En 1962, ao independizarse Arxelia, os franceses tiveron que buscar unha nova ubicación para os seus ensaios nucleares, que ata o de agora eran no deserto. E todos sabemos o que lle pasou á pobre Mururoa:

bombe-mururoa1

No 1977 Francia comezou a conceder autonomía á Polinesia, ata convertela na Colectividade que é agora, no 2004. E quen sabe por canto tempo; en Papeete (capital da Colectividade, en Tahiti) xa teñen partidos independentistas, e económicamente non son tan dependentes da metrópole como outras antigas colonias. O turismo e o cultivo de perlas, coco, vainilla e froitas fan que a idea de separarse de Francia non sexa utópica. Mesmo teñen a súa propia moeda renunciando ao Euro, o franco de Polinesia Francesa.

Para saber máis:
·Tahitiheritage.pf: natureza e cultura da Polinesia Francesa.

Polinesia_Tourism

_
_

Emblem_of_New_Caledonia.svg

Nova Caledonia: Chamada Kanaky pola poboación local, os Kanaks, é un arquipélago na Melanesia, a uns 1.500 km de Australia. Nos seus 19.000 km2 habitan 240.000 persoas. Capital Numea.

Descuberta para os europeos por James Cook en 1774, foi disputada polos baleeiros británicos e estadounidenses, e por tratantes de esclavos que reclutaban a indíxenas locais para traballar nas plantacións de caña en Fiji e Queensland. Os nativos mostráronse hostís nun principio á presenza dos estranxeiros, preguntádelle á tripulación do Cutter, presuntamente masacrada e devorada.

Kanaks co traxe típico.

Kanaks co traxe típico.

En 1853, o almirante Febvrier Despointes, baixo ordes de Napoleón III, tomou posesión formal de Nova Caledonia e Port-de-France, a actual Noumea, capital da illa, foi fundada en 1854. Foi colonia penal durante 4 décadas. A poboación indíxena estaba excluída en reservas, e non se lles permitía o traballo, nin sequera como man de obra nas minas. Esto provocou revoltas indíxenas en 1878, que aumentaron a represión ata ben entrado o século XX.

No 1946 recoñeceuse Nova Caledonia como posesión de ultramar da República, e en 1953 concedeuse a cidadanía francesa a todos os habitantes, mesmo aos indíxenas perseguidos un par de décadas antes. Nos seguintes anos pasou a ter diversas consideracións políticas dentro do Estado Francés, pero nunca desapareceron as tensións independentistas da illa.

Á esquerda, o "Rei Jacques" coa súa raíña; á dereita, o futbolista kanak Christian Karembeu coa súa.

Á esquerda, o “Rei Jacques” coa súa raíña; á dereita, o futbolista kanak Christian Karembeu coa súa.

Hoxe en dia está recoñecida como “Colectividade Sui Generis” (si, ese é o nome oficial), un estatus único dentro do Estado que lles garante control sobre impostos, leis laborais, saúde, comercio exterior… Da metrópole depende pouco máis que defensa e asuntos exteriores. Nin usan o euro, prefiren o Franco de Polinesa Francesa. Mesmo crearon a figura da cidadanía kanaka, só para nacidos na illa ou residentes de longa duración, e que é a única que dá dereito a voto nas eleccións locais, convertendo aos franceses en cidadáns de segunda.

No acordo actual con Francia, a partir de 2014 (é dicir, xa), Nova Caledonia pode convocar referendo de independencia. Paradóxicamente, o actual presidente do Congreso Territorial é Philippe Gomes, dun partido anti-independentista. Veremos cantos anos máis dura o “affaire” francokanako.

Para saber máis:
·Office-tourisme-nc: Portal turístico de Nova Caledonia.

Caledonia-Tourism

_
_

French_Guyana_SVG

Guayana Francesa: O único vestixio colonial europeo en Sudamérica, con perdón das Malvinas (por siempre argentinas), Guayana é un Departamento de Ultramar (e por ende, Europa con todas as da lei), limitando con Surinam ao oeste, co Caribe ao norte e con Brasil ao leste e sur. 230.000 persoas habitan os seus 87.000 km2. Capital Cayenne.

Francia colonizou o territorio en 1604, ano no que Luis VIX empezou a contar á xente historias de ouro e de inmensas fortunas fáciles de conseguir. Miles de franceses marcharon, para atoparse con nativos hostiles e enfermidades tropicais. Ano e medio despois, poucos centos sobrevivían, refuxiados nas ribeirás Illas da Salvación.

Visto o resultado, os franceses olvidáronse de establecer unha colonia productiva na Guayana, e dedicáronse a mandar alí xente como castigo. En 1794, cando morreu Robespierre, os seus seguidores foros enviados á Guayana.

Máis tarde, empezáronse a enviar esclavos de África, e a establecer plantacións nas zonas libres de enfermidades xunto aos ríos, traendo properidade á colonia por primeira vez. No 1848, Francia aboliu a esclavitude, e os antigos escravos fuxiron á selva, onde estableceron comunidades matriarcais similares ás que tiñan en África.

2464968995_1

As comunidades Aluku e Djuka, de antigos escravos africanos liberados, teñen hoxe en día o monopolio de paso en barca do río Maroni.

En 1885 volveuse á política de empregar a colonia como presidio, aprobando unha lei pola cal calquera persoa con máis de 3 sentenzas por roubo era “relegada”, enviada a unha prisión á Guayana (a máis coñecida era a da Illa do Diablo), e logo dunha sentenza reducida, eran liberados para converterse en habitantes da colonia.

En 1946 a Guayana convertiuse formalmente en Departamento de Ultramar, e en 1951 pecharon todas as colonias penais. En 1975, estableceuse o Centre Spatial Guyanais en Kourou, actual base de lanzamento de cohetes da Axencia Espacial Europea.

Despeq

Despegue dun Ariane desde Kourou. Vídeo. ESA.

Para saber máis:
·France.fr: Información sobre a Guayana do portal do goberno francés.
·Guyane.pref.gouv.fr: Portal do goberno local de Guayana francesa.

French-Guiana-Tourism

_
_

2000px-Coat_of_Arms_of_Mayotte.svg

Mayotte: É unha pequena illa no extremo norte da Canle de Mozambique, no arquipélago das Comoras. Das catro illas principais do arquipélago, é a única que non pertence á Unión das Comoras, o que ten bastante cabreados ao pequeno estado insular africano. Pero non cos franceses, que xogan noutra liga, senón cos seus veciños mayotenses-franceses, porque foron eles os que hai apenas 6 anos decidiron en referendo integrarse máis na República, votando que os 185.000 habitantes dos 374 km2 de illa pasasen a formar o Departamento número 101 de Francia. Desde xaneiro deste ano a Unión Europea actualizou o seu estatus a Rexión Ultraperiférica, é dicir, parte integral da Unión.

Os piratas árabes fundaran na illa en torno ao 1500 o sultanato Mawuti (que significa “illa da morte”), nome que deformaron os franceses ata o actual Mayotte. Visitada por franceses e portugueses, os estranxeiros que invaden primeiro a illa son os veciños malagasy, de Madagascar, no s. XVIII. No 1841, Francia invade Mayotte, e posteriormente entre 1886 e 1909 extende o seu control sobre todas as “Illas da Lúa“.

Vila costeira de Sada, A Coruñ.... estoooo..., Mayotte.

Vila costeira de Sada, A Coruñ…. estoooo…, Mayotte.

No 1946 Francia concede autonomía administrativa ao arquipélago, co nome de Territorio de Ultramar das Illas Comoras. No 1975, as Comoras declaran unilateralmente a súa independencia da metrópole, absténdose na votación os deputados de Mayotte, illa na que se atopaba o parlamento e a capital do territorio autónomo, Mamoudzou.

No 1976, os habitantes de Mayotte votaron seguir unidos a Francia, e as Comores trasladan a súa capital a Moroni, na outra punta do arquipélago. Rencorosos…

E o curioso é que realmente a Francia a illa de Mayotte non lle importa demasiado, máis ben é un lío político, ao causar tensións con Comores, críticas da comunidade internacional, e problemas coa administración local da illa, que pese a querer ser franceses, basean a súa lexislación na sharia. Empregan o Euro, pero admiten a poligamia e as escolas públicas son segregadas e baseadas no Islam. Demasiado incómodo para a secular Francia.

Para saber máis:
·France.fr: Información sobre Mayotte do portal do goberno francés.
·Mayotte-tourism.com: Portal turístico do goberno local de Mayotte.

mayotte-tourism

_
_

St_Martin_Coat

San Martín: Esta pequena Colectividade de Ultramar do Estado Francés, escindida do Departamento de Guadalupe no 2007, é a que, xunto coa Guayana Francesa, me impide empregar a etiqueta “illas” para este post.

Porque, inda que se sitúa na pequena illa de San Martín, a 240 km2 de Porto Rico, o territorio francés limítase á parte norte da illa, sendo a parte sur Sint Maarten, un país autónomo dentro do Reino de Países Baixos.

Cando me faga rico e me retire, heime mudar á fronteira entre Saint Martin, Francia e Sint Maarten, Holanda e abrir un pequeno bar chamado Bélxica. Cun cociñeiro valón e unha camareira flamenca. (Javier Ramalleira, “De promesas absurdas e chistes de pai”, 2014)

Avión aproximándose ao aeroporto Princesa Juliana, razón principal da fama da illa de San Martín. Vídeo.

Avión aproximándose ao aeroporto Princesa Juliana, razón principal da fama da illa de San Martín. Vídeo.

A illa foi descuberta por Cristóbal Colón en 1493, pero os primeiros en ocupala foron os neerlandeses, establecéndose en 1631. Os españois, que se crían os donos (como de toda América) pero nunca fixeran nada na illa, cabreáronse, guerrearon un pouco, e finalmente cederon a illa a partes iguais a Países Baixos e Francia no 1648. Entre eles estableceron a fronteira actual.

Durante moitos anos St. Martin foi só unha comuna (como un concello) dependente da veciña Guadalupe, pero en 2003 a poboación votou converterse nunha colectividade de ultramar, separada do departamento caribeño. Sendo colectividade, sobre o papel non serían parte da Unión Europea, pero no Tratado de Lisboa estableceuse unha cláusula para que si o fosen. É a única colectividade de ultramar que ve recoñecido o seu territorio como parte da Unión.

Polo tanto, o límite de Europa no leste non é Finisterre, nin o Cabo da Rocha, nin Cornwall nin Coumeenoole (Eire), nin Látrabjarg (Islandia); nin ningunha roca xeada groenlandesa sen nome que os daneses digan que é súa inda que pouco lles quedará (aos daneses, e ao continente europeo)… Non, Europa (a Unión, realmente) acaba aquí.

Olvidábame dos datos: 36.000 habitantes, 53 km2, capital Marigot.

Para saber máis:
·Geographia.com/St-Martin: Páxina oficial de Saint Martin. (eso din, as pintas non son moi alá)

StMartin-Tourism

_
_

2000px-Coa_Wallis_Futuna.svgWallis e Futuna: Tres illas tropicais de orixe volcánica entre Fiyi e Samoa: a illa de Wallis, onde se atopa a capital Mata-Utu, e as “Illas do Corno”, Futuna e Alofi, esta última deshabitada. A lenda di que Alofi estaba densamente habitada, ata finais do s.XIX, cando os nativos de Futuna masacraron e devoraron a toda a poboación nun só ataque.

16.ooo habitantes en 27 km2, as illas forman unha Colectividade de Ultramar de Francia desde 2003, tendo antes o estatus de Territorio de Ultramar.

O realmente curioso destas illas é que o goberno local segue a ser monárquico. Cada illa ten a súa dinastía de reis que administran xustiza seguindo as súas leis locais, en casos non penales. Si, xente: hai monarquías en Francia, a estas alturas. Tanta Revolución e República para esto… Vale, si, a cabeza do Estado é Hollande, e votan representantes na metrópole, pero localmente viven no absolutismo tradicional oceánico.

A tradicional churrascada de entronización do novo rei de Alo

A tradicional churrascada de entronización en honra do novo rei de Alo, Petelo Sea.

Descubertas polos holandeses e ingleses nos séculos XVII e XVIII, en 1837 chegaron misioneiros galos, entre eles, San Pedro Chanel, o primeiro mártir de Oceanía e dos maristas, asasinado polos sicarios dun rei tras lograr a conversión do seu fillo. En 1842 os misioneiros solicitaron protección de Francia, e no 1887 a Raíña de Uvea (na illa de Wallis) firmou un tratado que garantía un protectorado francés. O rei de Sigave, en Futuna, e de Alo, en Alofí, firmaron tratados o ano seguinte, quedando así o arquipélago baixo autoridade do Imperio Colonial Francés.

En 1917 quedaron anexadas as illas a Francia como Colonia de Wallis e Futuna, baixo autoridade de Nova Caledonia; no 1961 pasaron a ser un Territorio de Ultramar de seu, e nas eleccións de 1992, aprobaron a integración na Unión Europea. Non na Eurozona, sen embargo: empregan o Franco da Polinesia Francesa.

Para saber máis:
·wallis-et-futuna.pref.gouv.fr: Páxina oficial da prefectura de Wallis e Futuna

Wallis-Tourism

_
_

2000px-Blason_St_Barthélémy_TOM_entire.svgSan Bartolomé: Ao igual que San Martín, esta illa do Caribe (8500 habitantes, 25 km2, capital Gustavia) separouse do Departamento de Ultramar de Guadalupe no 2007, para pasar a ser Colectividade de Ultramar de seu. Sen embargo, a diferencia de San Martín, e ao igual que as demáis colectividades de ultramar, o seu territorio non é considerado parte da Unión europea, só os seus habitantes. Empregan o euro.

Chamada Ouanalao polos nativos, Colón descubriuna no seu segundo viaxe e deulle o nome de seu irmán. En 1623 chegaron colonos procedentes de Dieppe, e en 1658  capitán francés Lonvilliers de Poincy tomou posesión da illa en nome da Orde de Malta. Establecéronse sen embargo colonos franceses procedentes de Normandía e Bretaña.

De solo rocoso e clima seco, o cultivo de caña de azúcar non era posible, polo que non se introduciron esclavos para plantacións, adicándose ao outro negocio próspero no Caribe da época: a piratería. Esto enfadou aos ingleses, que en 1758 atacaron a illa.

De aparecer por alí, San Bartolomé daría a súa máis calorosa benvida ao capitán Jack Sparrow.

De aparecer por alí, San Bartolomé daría a súa máis calorosa benvida ao capitán Jack Sparrow.

En 1784 Francia regaloulla a Suecia a cambio de acordos comerciais con Göteborg. Si, suecos no Caribe. E foron os que fixeron prosperar a illa, ao fundar Gustavia como porto franco, permitindo o libre comercio e o contrabando. Xa co negocio funcionando, Francia recompraa por 80.000 francos no ano 1877. E dende aquela, a historia estivo ligada á de Guadalupe, ata 2007 como xa dixemos anteriormente.

A beleza natural das súas praias tropicais fana ubicación de moitos posados eróticos, como as edicións de traxes de baño da Sports Illustrated, ou a revista Playboy.

Para saber máis:
·St-barths.com: Portal turístico da illa.

SanBart-Tourism

_
_

2000px-Coat_of_Arms_of_Saint-Pierre_and_Miquelon.svg

Saint-Pierre-et-Miquelon: E chegamos ao último territorio francés habitado lonxe de Francia. Que foi, ademáis, o territorio que me deu a idea para este post, xa que é a única posesión europea en Norteamérica que se mantén en mans da potencia colonial. Good for you, France!!

Este pequeno arquipélago fronte ás costas de Terranova componse de dúas illas principais (adiviñades o nome? Exacto: Illa de San Pedro e Illa de Miquelón). A illa de Miquelón atópase unida por unha lingua de area (poñámonos técnicos: un tómbolo) á pequena illa de Langlade, que quedou sen habitantes permanentes ao morrer en 2006 Charles Lafitte, que vivía alí como ermitaño rodeado de cans. As illas principais están separadas pola “boca do inferno”, un estreito de 6 km de fortes correntes, onde hai rexistrados máis de 600 naufraxios. Éstas, xunto cuns 10 illotes máis, suman un total de 242 km2, nos que viven 7.000 sanpedrinos. Administrativamente son unha Colectividade de Ultramar, pero  ata 1985 foron un Departamento. Empregan o Euro e aceptan o Dólar Canadiense. A capital é a vila de San Pedro.

Habitadas desde a prehistoria, descubríronse ferraentas esquimais datadas 30 séculos antes de Cristo. O explorador portugués João Álvares Fagundes descubriunas para os europeos, e bautizounas como as Ilhas das Onze Mil Virgens en 1520. Os franceses logo lles cambiaron o nome polo de Saint-Pierre, e empregáronas como base pesqueira estacional, especialmente os mariñeiros do País Vasco Francés.

Escena de pesca de balea Vasco-Canadiense. (Michel Hacala)

Escena de pesca de balea Vasco-Canadiense. (Michel Hacala)

Entre 1713 e 1763 os ataques ingleses ás illas obligaron aos franceses a abandonala, así como a ratificación do Tratado de Utrech. No Tratado de Paris, 1763, recuperáronas, inda que como premio de consolación tras perder todo Canadá… A presenza francesa sufriu un novo revés en 1778, cando se posicionaron a favor das colonias americanas durante a Guerra da Independencia, e os ingleses os expulsaron. Polo menos desta vez si apostaran ao cabalo gañador e recuperaron as illas, xa definitivamente.

Durante a Prohibición do Alcohol nos Estados Unidos, a illa foi porto para o tráfico ilegal de alcohol, sendo a principal vía de entrada do viño francés no país. O mismísimo Al Capone visitou a illa en 1927. Na Segunda Guerra Mundial, as illas mantivéronse leais ao goberno de Vichy, provocando tensións con Canadá e USA, ata que un submarino surcouf da Francia Libre  tomou o control das illas sen resistencia en 1941. Así, foi o primeiro territorio en unirse á Francia de De Gaulle.

No 1945 foron declaradas Territorio de Ultramar, no 1976 Departamento, e como xa dixemos, no 1985 Colectividade. Envían un diputado á Asamblea Nacional e un senador ao Senado. En 1992 a Corte Internacional de Arbitraxe delimitou a Zona Económica Exclusiva, poñendo fin a longos pleitos con Canadá: Francia conserva 12 millas náuticas do mar territorial rodeando as illas (o que lles permitía Canadá), outorgánselle 12 milas máis, e un corredor marítimo de 10,5 millas que chega ata 200 millas ao sul. En total, un área correspondente ao 18% do que reclamaba Francia.

Frontón en St. Pierre

Frontón en St. Pierre. Web da asociación vasca Zazpiak-bat.

As illas de San Pedro e de Miquelon dependeron tradicionalmente da pesca de bacalao, e tan só nos últimos anos empezan a desenvolver piscifactorías, granxas de vieiras, e cultivos agrícolas nas illas. Manteñen elementos da cultura vasca, como a harrijasotzea, a aizkolaritza ou a pilota, especialmente durante un festival no verán. Nas illas non se lles dá nome ás rúas; as direccións danse por apodos ou nomes de residentes da zona.

O único uso documentado da guillotina nunha execución en Norteamérica foi aquí, o 30 de decembro de 1888. A guillotina tróuxose desde Martinica, e costou moito atopar a alguén que a manexara. A historia serve de base á película La Veuve de Saint-Pierre de Emir Kusturica.

Para saber máis:
·GrandColombier.pm: Historia das Illas de St. Pierre et Miquelon.

Miqelon-Tourism

_
_

Ata aquí as antigas colonias habitadas de Francia. Quedan posesións sen poboación, sobre todo no Océano Índico, como as illas Crozet, Kerguelen, Illas de San Pablo e Ámsterdam, ou as Illas Dispersas (Bassas da India, Illa Europa, Illas Gloriosas, Juan de Nova e Tromelin). Como moito hai algunha base ou expedición científica.

É curiosa a historia de Tromelin, onde naufragou un barco negrego, e a tripulación branca deixou aos escravos abandonados alí coa promesa de que volverían buscalos. Tardaron 16 anos, e dos 70 homes e mulleres que deixaron, só sobrevivían sete mulleres, e un bebé nacido alí.

Francia tamén reclama territorio na Antártida, Terra Adelia.

Clipperton, un pequeno atolón de 7km2 no suroeste das costas norteamericanas, tamén pertence á República Francesa, e ten unha historia moi sombría.

E finalmente, o último rincón do mundo onde ondea a bandeira francesa: tres casas en Santa Elena, lugar de exilio de Napoleón Bonaparte, pertencente á Coroa Británica. As casas son propiedade privada do Estado Francés, e empréganse como museo adicado ao gobernante, con 8.000 visitantes ao ano.

Este é o final do noso viaxe, acabámonos Francia. Foi un pracer compartir a experiencia con vos. Un saúdo e ata a próxima!

Fontes:
·Wikipedia
·Google
·Paciencia

Banda sonora do post: C’est Si Bon… La France!

Advertisement